ORTEGAL

Cun patrimonio natural espectacular, unhas tradicións arraigadas e unha excelente gastronomía, a comarca do Ortegal está entre as visitas imprescindibles para quen viaxe a Galicia. A Casa Grande do Bachao está situada a hora e media en coche desta zona do norte da provincia da Coruña, pero a viaxe paga a pena.
O percorrido pode comezar en Valdoviño, localidade á que se accede collendo a autovía AP9 en Compostela en dirección norte, e unha vez chegada a Ferrol, a saída indicada cara a Cedeira. Pequena localidade de orientación turística, Valdoviño conta cunha espectacular praia, A Frouxeira, moi popular nos meses de verán e flanqueada por unha lagoa de gran importancia natural. Nun extremo da praia atópase o faro de Punta Frouxeira, dende o que se contempla toda a zona costeira.
Continuando cara ao norte hai dúas das praias máis fermosas de Galicia. Pantín é coñecida polas súas ondas, que cada setembro reúnen aos mellores surfeiros do mundo para competir no Pantín Classic, con trinta anos de historia. Un pouco máis adiante, tras superar algúns desniveles con impresionantes vistas á ría de Cedeira, atópase a praia de Vilarrube, máis tranquila e familiar, cunha espectacular extensión coa baixamar.
Despois de pasar a ponte branca do Puntal entrase no concello de Cedeira, localidade que destaca polo seu pequeno casco histórico e a gran actividade que rexistra nos meses de verán. A gastronomía (percebe local, rape á cediresa, marraxo, lura…) atrae cada fin de semana a numerosos visitantes da comarca e de toda Galicia, así como os numerosos atractivos naturais que ten a vila. Os máis próximos á vila, subindo por detrás do casco histórico, son a ermida de San Antonio de Corveiro (da que cantou Andrés Dobarro) e o faro de Candieira, coa súa sinuosa baixada, non apto para ningún condutor.
Desde o centro de Cedeira parte tamén a estrada que sube a San Andrés de Teixido e a serra da Capelada. Asentada nun penedo, a pequena vila de San Andrés é un dos centros de devoción relixiosa máis importantes de Galicia. A tradición di que todas as almas acaban visitando o lugar, e que as que non estiveron con vida irán unha vez falecido, en forma de animal, así que ten coidado por onde pisas. Hai que visitar a capela e a fonte, un pouco máis abaixo, e coller un montón de herba de namorar. Máis aló de San Andrés, por unha estrada que serpentea pola beira do cantil, atópase o penedo de Herbeira, cuxo punto máis alto, a Garita, ten case 700 metros de altura, cun desnivel case vertical sobre o Atlántico.
A estrada baixa de Herbeira baixa cara a Cariño (mellor asegurarse de que a néboa non pechou totalmente a visibilidade). Cariño é un pobo pesqueiro e industrial que tamén destaca pola súa gastronomía. No seu extremo norte atópase o cabo Ortegal, unha espectacular entrada de terra no mar de gran valor natural e xeolóxico. Dende o Faro, construído nos anos 80, divísanse as afiadas siluetas dos Aguillóns e, á dereita, a Estaca de Bares.
Volvendo a Cariño e pasando por el, chégase, despois duns dez quilómetros, á estrada da costa, que une Ferrol con Viveiro. Collendo a banda esquerda chegaremos a Ortigueira, localidade famosa pola súa gastronomía e polo festival de música celta que se celebra cada agosto.
Desde Ortigueira pódese regresar a Bachao collendo primeiro a estrada ancha que vai ás Pontes, alí a autovía dirección Ferrol e nesta cidade a AP9 dirección Santiago.